domingo, 15 de abril de 2007

O BNG mestura experiencia e renovación na lista de Carballo

http://www.lavozdegalicia.es/ed_bergantinos/noticia.jsp?CAT=124&TEXTO=5692213


«Chegou o momento de ser a primeira forza», dixo Evencio Ferrero

Todos os concelleiros actuais forman parte da candidatura presentada diante de centos de persoas

Para o BNG «chegou o momento de ser a primeira forza, non só no casco urbano, que o fomos en varias ocasións, senón tamén en moitas parroquias e tamén no conxunto do concello». Coa victoria como meta, Evencio Ferrero Rodríguez, que aspira a reelección como alcalde, presentou onte, nun auditorio cheo ata a bandeira, aos seus compañeiros nesta nova viaxe electoral.

Experiencia e renovación van da man na lista nacionalista, paritaria, como todas as que se están a presentar na comarca. Todos os concelleiros actuais repiten, aínda que Manuel Pan, como xa anunciara, figura nun posto simbólico, o 21, co que se pecha a candidatura, e Juan Ramón García pasa do 9 que ocupou no 2003 ao 11. Entre os dez primeiros hai, malia a continuidade, caras novas. José Manuel Guillín, no número 5; Lourdes Rey, no 6; Mar Eirís Villar, no 8, e Marcos Trigo, no 9, son algunhas das incorporacións ao equipo que pretende crear Evencio Ferrero pensando no goberno, e tamén hai retornos, como o de Benedicto Viña.

A presentación nacionalista comezou con música e cun agradecemento do candidato á alcaldía a todos «os compañeiros e compañeiras que colaboraron para que chegara este momento». No seu balance do traballo desenvolvido dende o 2003 no goberno municipal, Evencio Ferrero subliñou como principal responsabilidade a de «manter un goberno estable, un goberno forte, un goberno capaz de superar etapas de confrontación, porque de non ser así estariamos outravolta perdendo unha magnífica oportunidade».

Agora, pensa o BNG, Carballo «está nun novo ciclo político» e «sentando as bases» dun futuro no que pretende materializar o seu compromiso «coa creación de riqueza e traballo», coa seguridade, coa mellora das comunicacións viarias, da calidade de vida, coa formación e as novas tecnoloxías, o emprego, o medio ambiente, a educación, os servizos sociais, o deporte e todas as áreas de actuación municipal, pero tamén «co futuro de Bergantiños e da Costa da Morte».

No hay comentarios: